Título: O monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico
Autor: Lois Vilar
Editorial: Undodez Producións SL
Año: 2025
ISBN: 9788409759712
Más información:
- Entrevista en La Voz de Galicia.
- Lois Vilar en Facebook.
- Web de Castelo Conta.
- En el blog Arqueotoponimia.
O Xalo podería ser un monte máis. Outra localización xeográfica. Pero ten algo...
Para min O Xalo é un lugar presente nas miñas andanzas desde mozo. Aquí subía a perderme cos meus pais no Seat 600 dos amigos da familia, pola estrada que sube de Carral que a min me parecía toda unha aventura. Aquí viña a observar fauna, como a miña primeira tartaraña cincenta (hoxe desaparecida) ou as estrozas do rego Dorca. Aquí aprendimos a facer Geocaching a familia enteira. Por suposto, por estas pistas corrimos e pedaleamos. Moitos alumnos e alumnas acompañáronme en paseos ou aprendendo a orientar un mapa. Desde o Alto do Castelo ensináballes as vistas a todo o que me quería acompañar...
Pero todo iso sempre desde o descoñecemento. Nin os mapas topográficos nin a pouca bibliografía aportaban moito. E tanto tempo despois atópome en Facebook coa conta de Lois Vilar Hermida.
Entre outra valiosísima información patrimonial, publica cada pouco sobre o monte Xalo: as pedras, a auga, a tradición oral. Cada post é un mundo enteiro, cheo de historias entresacadas da tradición oral.
Todo ese traballo de recollida de tantos anos queda plasmado agora neste libro. Nestas páxinas atoparás xeoloxía, xeografía, historia e prehistoria, lendas, tradicións, toponimia. Cada recuncho da vertente norte (concellos de Carral e Culleredo) do monte aparece con foto, coordenadas, descrición e a historia ou lenda que trae con el.
As pedras do Xalo cobran especial importancia, desde aquelas que son visibles de lonxe como o Castelo da Veiga ou o Castelo Grande, rechamantes e coñecidas como a da Mazafacha ou a dos Corvos ou pequenas como a Pedra do Redondo. Quen non pasou algunha vez polo Camiño do Demo, o pasadizo baixo a mole rochosa do Castelo de Celas?
Tamén no Xalo é abundante a auga en forma de moitos regos, brañas, fontes ou fervenzas e construcións asociadas como muíños o a fábrica de luz. Augas sanadoras, augas cheas de usos e lendas, nomes de pequenos regatos.
Con este libro estou redescubrindo o Xalo. Xa estou localizando en mapas cada coordenada, cada lugar, para volver sabendo o seu significado. É impresionante todo o que se pode perder no tempo se non fora polo traballo e bo facer de persoas como Lois Vilar.
O libro foi presentado no festival de Castelo Conta en agosto de 2025 (lamentablemente non puiden estar). Trátase dunha iniciativa cultural dos veciño de Castelo para promocionar a memoria do patrimonio, a protección do monte e a dinamización social que cumpre xa dez anos.
Actualmente (decembro 2025) xa vai pola terceira edición!
AI Website Builder